“Se falamos de mutilación xenital feminina, é una práctica prohibida no Chad, pero a xente continúa a facelo de forma confidencial e secreta. Para chegar á mutilación, hai todo un proceso que implica aos pais e a xente moi achegada aos pais. Como pode unha nena, que é menor, denunciar a todas estas persoas ante a xustiza? É realmente moi difícil.”
- Sifa Kaite. Coordinadora Protección á Infancia JRS Chad
Aparte de provocar danos psicolóxicos graves, xera problemas no embarazo e no parto, disfuncións sexuais e infeccións crónicas. Ademais, as nenas perden o acceso á educación, dadas as complicacións de saúde e a dor que supón. Nalgunhas zonas, os custos asociados coa cerimonia da mutilación poden causar o abandono da escola, pola imposibilidade da familia de pagar ámbalas dúas cousas.
Esta práctica abusiva está moi estendida, en particular na África Subsahariana, mais tamén nalgúns países de Oriente Medio –Iraq e Xemen– e en Indonesia.
A razón principal para a mutilación xenital feminina é a crenza de que é precisa para conseguir un bo matrimonio. Nalgunhas comunidades, as nenas que non se someten á mutilación son consideradas promiscuas e sucias e non conseguen casar.
Non só supón un grave risco para a súa saúde, senón que atenta contra os dereitos humanos fundamentais das nenas de todo o mundo.
Globalmente, 600 millóns de mulleres, entre 20 e 24 anos, o 21% de todas a mulleres do mundo, foron obrigadas a casar sendo nenas.
As cifras máis altas de matrimonio infantil danse nos países ao sur do Sahel: na República Centroafricana é do 68%; no Chad é do 67% e en Sudán é do 52%. Noutras rexións como América Latina tamén danse porcentaxes moi elevadas, sobre todo en Centroamérica: é o caso de Nicaragua (40,6%) e Honduras (38,8%). Os países cun maior número de nenas casadas son a India (15,5 millóns), Bangladesh (4,4 millóns), Nixeria (3,5 millóns), Brasil (3 millóns) e Etiopía (2,1 millóns).
A situación de pobreza, os conflitos armados e as crises humanitarias favorecen esta práctica. Moitas familias ven o matrimonio das súas fillas coma unha saída segura para evitar o acoso ou os asaltos físicos ou sexuais, comúns en zonas de conflito. Actualmente é un problema crecente para as nenas sirias das comunidades de refuxiados de Xordania, Líbano, Iraq e Turquía.
O matrimonio infantil priva ás nenas dos seus dereitos básicos á saúde, á educación e á seguridade: son máis vulnerables a sufrir múltiples formas de violencia, teñen unha maior posibilidade de ter peor saúde, de ter fillos de moi novas, cando non están nin física nin psicoloxicamente preparadas, e de abandonar a escola. Nalgúns países, as complicacións no embarazo e o parto son a principal causa de mortalidade das adolescentes de entre 15 e 19 anos.
O matrimonio infantil é unha grave violación dos dereitos das nenas e trátase da forma máis xeneralizada de abuso sexual e explotación en menores de 18 anos.
“Estou casada, son nai de catro nenos e dúas nenas. Casáronme de moi pequena e non tiven ocasión de terminar os meus estudos. A nosa situación económica era difícil. A miña nai dixo que xa era maior e que ía darme en matrimonio. Dixen que non quería casar, pero obrigáronme a casar con ese home aos 15 anos.”
- Iklas, refuxiada sudanesa no campo de Iridimi, o Chad
Guadalupe Flores, de CIAZO El Salvador, explica o impacto da violencia sexual sobre as nenas e adolescentes no país. “A violencia sexual afecta especialmente ás nenas e está relacionada co problema dos embarazos na adolescencia”.
- Guadalupe Flores, CIAZO El Salvador
O 27% das nenas do mundo sofre violencia sexual e é en Latinoamérica onde o panorama é máis preocupante: no ano 2017 máis de un millón de nenas e adolescentes foron vítimas deste tipo de violencia.
Estas nena enfróntanse, ademais de a embarazos non desexados e ao trauma e o sufrimento psicolóxico, a abortos inseguros e a enfermidades de transmisión sexual, incluíndo o VIH. Poden ser socialmente excluídas, o que as induce a vivir na rúa ou ao traballo sexual. En culturas onde a virxindade é altamente apreciada, a violencia sexual pode estigmatizar ás nenas, xa que se ve como una mancha no honor familiar, chegando en casos extremos ao asasinato da vítima.
As nenas son sometidas en todo o mundo a diferentes formas de abuso e explotación, o que inclúe tamén a sobrecarga de tarefas domésticas. A maioría de nenas vense obrigadas a realizar tarefas do fogar como cociñar, ir a procurar leña, auga ou estar a cargo dos seus irmáns pequenos. Todo iso obstaculiza a súa continuidade educativa, impide o seu desenvolvemento integral, e vulnera os seus dereitos.
A idade media das nenas obxecto de explotación sexual é de entre 11 e 14 años, quedando atrapadas en espirais de violencia que inclúen violación, tortura, abortos forzados, inanición e ameazas de asasinato a familiares.
34,2 millóns de nenas e mulleres son refuxiadas ou desprazadas sendo, por esta situación, máis proclives aínda a sufrir calquera forma de violencia ou abuso.
Sucede que os pais toman e humillan as súas fillas, fan máis aos varóns que ás mulleres. Nalgunhas familias os propios pais fan dano ás fillas. Eu dicíalle ao meu pai “eu quero estudar” e el dicía “para que vas estudar se es muller, igual vas casar e vante alimentar”. Por iso meu pai dixo que o mellor sería deixar de estudar e poder axudalo no económico. E, cando tiña 12 anos, traballei de cociñeira nunha casa. Facía a comida, lavaba a roupa, facía os quefaceres da casa. 5 anos deixei de estudar.
- Kim, estudante Fe e Alegría Guatemala
Unha violencia que, ademais, está presente nas estruturas sociais: na familia, a comunidade, no lugar de traballo e, tamén, na escola. Estas formas de violencia afectan á saúde e o benestar das nenas e limitan a súa capacidade para xerar ingresos ao longo da vida, condeándoas á pobreza. Esta dinámica non só afecta ás nenas senón tamén aos seus fillos e fillas, aos seus fogares, ás súas comunidades e á sociedade no seu conxunto.